Xa hai catro anos que Anxo Adolfo Rei Ballesteros deixou a vida
que amaba e que viveu coa intensidade e a paixón do artista.
Noutro pais que non fose esta Galicia
contemporánea a sua obra había ser celebrada como a do grande escritor que foi.
Agasallounos aos galegos cos seus libros xenerosos nos que podemos achegarnos á
alma humana a traverso da sua mirada,
lúcida e penetrante, nunca superficial. O proceso de tranformación desa sua visión
intensa e vital en palabras levouno, como escritor de raza que era, a un uso particular
e novo da nosa língua. Houbéralle sido se seguro máis doado empregar, para trasladar á escrita todo o mundo sensible
captado por esa mirada súa, a língua
española, cunha tradición literaria máis ricaz e variada que a galega e con
modelos expresivos xa ensaiados. Pola súa escolla do galego, que foi quen de
domeñar ata os límites da poesía, para nos trasladar, limpa e lúcida, a fondura
do seu pensamento, tamén debemos os galegos estarlle agradecidos como xesto que
foi de amor á sua terra e ao seu pobo. Un amor xenuino de
verdadeiro patriota, demostrado na sua obra, pero que nunca, cabaleirosamente,
exibiu como un mérito.
Toda a obra de Anxo Rei Ballesteros é tan de
verdade no sentido profundo que non se pode reducir, sen matala, ás análises pedestres da crítica académica.
Sería aínda peor xuzgala desde aos anceios dos que esperan da literatura algún
tipo de confirmación ideolóxica. É unha
obra para seren lida, ou mellor, para seren vivida, que, simplesmente, nin máis
nin menos, afonda na alma humana. Ese é o noble propósito do artista, é Anxo
Rei Ballesteroso o foi.
Claro que esa vontade indomable de seren
artista vaille moi grande á nosa Galicia de hoxendía, abrumada pola hipertrofia
editorial dun país necesitado de
presentar “productos culturais” que abonden na idea da identidade propia. Un
“espazo cultural” onde se recorre a calquera pelanas para presentalo como
artista ante un público enguedellado no papanatismo de reafirmar unha cultura
galega propia que nós mesmos nos encargamos de irmos destruíndo. Un pais que
despreza a grandeza e que entroniza a supostos
artistas que de certo non pasan de seren funcionarios da cultura ateigados de narcisismo
e satisfeitos cada un deles de se crer o torto no país dos cegos.
Rei Ballesteros foi dos bos e xenerosos nunca aspirou
a ise recoñecemento gregario que enche de ledicia a tantos paisanos nosos. Adicou
a sua vida ao seu arte, sen se resignar nunca
a faceren concesións económicas, sociais ou estéticas. É por iso que,
malia o ninguneo dos ignorantes imbéciles e escuros, a sua obra brilla con luz
propia
PERCEVAL
No hay comentarios:
Publicar un comentario